xoves, 17 de abril de 2025

Nucleares? Depende!


 Hei de recoñecer que estes últimos días cambiei lixeiramente as miñas rutinas matinais, tentando non coincidir no espazo-tempo con Ramiro, aquel antigo compañeiro de profesión do que xa lles falei nalgunha outra ocasión. E non porque aquela relación afectiva que mantivemos incólume ao longo dos anos sufrise algunha deterioración, senón porque —pobre de min! —aínda non conseguín elaborar unha contestación simple á súa pregunta sobre a miña postura de apoio ou rexeitamento á continuidade do funcionamento das actuais centrais nucleares.

E mira que parece fácil tomar partido neste tema! Bastaría con aplicar aquela vella máxima de “os amigos dos meus inimigos son os meus inimigos” para deducir que, se Vox, o PP e as grandes eléctricas están a favor da continuidade de estas centrais eu tería que estar en contra. Parece, pero non o é, porque en primeiro lugar tal actitude indica unha visión do mundo moi simplista, unha visión en branco e negro que ten indubidables vantaxes cognitivas, pero que raramente pode aspirar a entender a complexidade da sociedade, da ciencia e das relacións humanas.

E en segundo lugar porque son galego e onde se mirou que un galego conteste a unha pregunta se non é con outra pregunta? Actitude que demostra a ancestral sabedoría dun pobo que ben sabe que poucas preguntas están o suficientemente claras como para permitir responder sen demandar máis aclaracións. Se cadra porque nun mundo que tentan facer cada vez máis binario somos un dos redutos do analóxico, dunha sociedade sen certezas, dunha sociedade de matices de “deus é bo e ou diaño non é malo”.

A miña pretensión de facer simple o complexo, que creo que se fai evidente en este e no resto de artigos anteriormente publicados, necesita dun concienciudo proceso previo de análise das vantaxes e inconvenientes de ambas as posturas. Un proceso de formación de opinión que en primeiro lugar defina e delimite os aspectos do problema que se van a ter en conta, revisando a máxima información relevante posible, libros, artigos, estudos e expertos, sen máis filtro previo que o seu nivel de coñecemento do tema. E sen esquecer que calquera actividade industrial ten un efecto importante sobre o medio ambiente. E que tanto a continuidade como o desmantelamento dunha central nuclear ten efectos positivos e negativos; e que no único que podemos —e debemos— influír coa nosa acción é en facer medrar os aspectos positivos e minimizar os negativos.

É obvio que para presentar estas realidades complexas de maneira clara e sinxela que faciliten a comprensión dos conceptos difíciles ás audiencias non especializadas, non podemos —de novo non debemos— caer na tentación de empregar unha linguaxe imprecisa para facer a realidade máis accesible, perdendo detalles importantes ou matices cruciais que poden levar a conclusións erróneas ou solucións incompletas; tampouco alterar a verdadeira natureza do problema por eliminar elementos que consideramos demasiado "complexos" para o lector medio. Tampouco por concentrarse demasiado nos detalles perder a perspectiva xeral e non ver o problema no seu conxunto, nin quedar atrancado nestes detalles e non chegar a conclusións ou accións prácticas.

Despois de todo este proemio creo deixar claro abondo que para contestar a Ramiro —no caso de que me dea atopado—, e de paso aos meus incombustibles lectores, o primeiro que teño que facer é deixar de lado apriorismos e preferencias xuvenís —eu tamén levei no meu coche a «pegata» de “no Nukes!”— e pasar a enumerar eses aspectos que eu considero positivos e negativos das dúas actuacións posibles, o desmantelamento ou a continuidade, dás centrais nucleares que antes citaba.

E como “verba volant e scripta manent”, vou tentar sistematizar estas ideas nun papel comezando cos efectos positivos e negativos para o medio ambiente e o SEP do desmantelamento e da continuidade das centrais nucleares existentes.

..................................................................................................................................................................
1.      Desmantelamento das nucleares existentes.

Por empezar por algunha parte, se cadra polo que máis me pide o corpo, comecemos analizando os efectos positivos e negativos sobre o medio ambiente e sobre o Sistema Eléctrico de Potencia, SEP, deste proceso complexo e prolongado que supón o desmantelamento dunha central nuclear.

1.1.  Efectos positivos sobre o medio ambiente.

Pouca discusión admite o principal destes efectos positivos: a redución do risco de accidentes nucleares. O certo é que unha vez desmantelada a central, elimínase o risco dun accidente nuclear grave como os que máis repercusión mediática tiveron: o do 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, na que os técnicos da central conseguiron transformar unha proba rutineira de seguridade nunha explosión do núcleo, e a do 11 de marzo de 2011, na de Fukushima como resultado dun terremoto seguido dun tsunami. Aínda que a probabilidade de ocorrencia dun incidente importante continúa sendo moi remoto, os efectos devastadores dos accidentes citados foron suficientes para xerar na poboación un rexeitamento á continuidade desta tecnoloxía.

Certo é que o desmantelamento dunha central nuclear xera residuos de todo tipo, máis este desmantelamento supón a redución drástica dos residuos nucleares que se producen polo funcionamento do reactor, residuos que deben ser xestionados durante longo tempo, o que sen dúbida é tamén un aspecto positivo.

Tamén se cita a diminución da contaminación térmica provocada polas grandes cantidades de calor que o funcionamento dunha nuclear supón, aínda que neste caso o argumento é moito máis débil xa que calquera central de xeración cuxa actividade se interrompa diminúe a produción de calor.

Finalmente é posible —aínda que moi pouco probable— que o desmantelamento da central permita a restauración do terreo onde se situaba, o que tería un impacto positivo na biodiversidade local.

1.2.  Efectos negativos sobre o medio ambiente.

O desmantelamento dunha central nuclear é un proceso moi longo, moi agresivo e bastante perigoso para o medio ambiente. Ao longo deste proceso, que pode durar décadas, é preciso garantir a seguridade das instalacións e evitar fugas de radioactividade e contaminación do chan, o aire e a auga por substancias radioactivas.

Este proceso de desmantelamento require unha gran cantidade de recursos enerxéticos e económicos, así como o uso intensivo de maquinaria pesada movida por motores de combustión que xerarán unha enorme cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro. É practicamente imposible asegurar que este proceso de desmantelamento non supoña unha enorme perturbación dos ecosistemas locais e que afecte gravemente á biodiversidade da zona.

Sen esquecer que simplemente parando as nucleares perdemos aproximadamente un 14% de xeración «despachable» libre de emisións; perda que na situación actual do «mix» terá que ser asumida en boa parte polas centrais de gas de Ciclo Combinado.

1.3.  Efectos sobre o Sistema Eléctrico de Potencia.

As centrais nucleares desempeñan un papel crucial na subministración de “enerxía basee”  no SEP. Á súa vez representan unha parte importante da estabilidade de rede. A continuación, detállanse os efectos máis relevantes:

1.3.1.       Impacto na estabilidade da subministración.

As centrais nucleares proporcionan unha enerxía constante e predicible, o que contribúe á estabilidade da subministración. O seu peche implica a perda dunha das fontes fundamentais de subministración desta enerxía base, o que vai aumentar a dependencia doutras fontes que poidan cumprir o mesmo papel, entre as cales, por suposto, non están a eólica nin a fotovoltaica.

Eliminadas por razóns obvias o resto das térmicas baseadas na combustión, quedaríannos soamente as xeotérmicas e solar-térmicas (irrelevantes en canto a potencia dispoñible) e as grandes hidroeléctricas de encoro. Tras o desmantelamento nuclear sería imprescindible realizar importantes investimentos en novas infraestruturas, como redes de transmisión, sistemas de almacenamento e centrais de respaldo, para garantir a estabilidade da rede.

1.3.2.       Impacto na estabilidade do sistema.

O sistema eléctrico actual está composto por cada vez menos grandes máquinas e cada vez máis achegas de fontes de enerxía non convencionais a través de electrónica de potencia. A enerxía cinética acumulada nos rotores das máquinas xeradores convencionais diminuirá drasticamente en caso de peche das nucleares, aumentando de forma exponencial o risco de perda de estabilidade do sistema e a ocorrencia do temido "Blackout", o apagamento parcial ou total da subministración.

En resumo, o desmantelamento de centrais nucleares expón desafíos significativos para a estabilidade da rede eléctrica, pero é posible que, cunha planificación adecuada e un forte investimento en infraestruturas e tecnoloxías alternativas, puidésense paliar os seus efectos, aínda que cunha forte implicación nos custos de xeración, que previsiblemente serían trasladados aos consumidores

1.3.3.       Impacto nos prezos da enerxía.

A perdida de xeración «de base» pola parada das nucleares supoñerá un aumento do prezo grosista da electricidade tanto máis importante canto maior teña que ser a contribución dos ciclos combinados. Algúns expertos apuntan que no caso de que estes ciclos tivesen que asumir a totalidade desta enerxía este incremento da factura eléctrica sería da orde 23 % para o sector doméstico e a pequena e mediana empresa e nun 35 % para a industria.

2.      Continuidade das nucleares existentes.

A continuidade das centrais nucleares en España, aínda que é certo que realizando as tarefas previamente as tarefas esenciais para garantir a súa seguridade e funcionamento, comporta unha serie de efectos sobre o medio ambiente que deben ser considerados:

2.1.  Efectos positivos sobre o medio ambiente.

As centrais nucleares, durante a súa operación normal, non emiten gases de efecto invernadoiro, polo que contribúen a mitigar o cambio climático.

Non menos positiva é a súa contribución á estabilidade da rede eléctrica, tanto baixo o punto de vista do seu comportamento como fonte de enerxía constante e predicible, «enerxía base», como baixo o da estabilidade do sistema.

2.2.  Efectos negativos sobre o medio ambiente.

A operación das centrais nucleares xera residuos radioactivos, que deben ser xestionados de forma segura. A continuidade na explotación destas centrais representa un desafío ambiental a longo prazo.

Ademais, as centrais nucleares —como sucede co resto das centrais térmicas— requiren grandes cantidades de auga para a súa refrixeración, o que pode ter un impacto nos recursos hídricos locais. Esta refrixeración libera unha importante cantidade de calor á auga e ao aire, o que pode estar a afectar aos ecosistemas locais.

Finalmente, aínda que as centrais nucleares contan con sistemas de seguridade, existe un risco, de accidentes, incrementado polo envellecemento destas centrais. 

..................................................................................................................................................................

Reviso o escrito. De verdade penso que co recollín nestas notas alguén vai ser capaz de ter unha postura racional sobre o desmantelamento ou a continuidade das centrais nucleares existentes? Porque eu mesmo declárome incapaz.

E como as desgrazas nunca veñen soas, aí está Ramiro que me saúda con entusiasmo.

      Don Manoel, ditosos os ollos!

      O mesmo digo Ramiro —e de perdidos, ao río—. Xa tes claro o das nucleares?

      Pois, que quere que lle diga don Manoel? Creo que sigo igual de perdido.

      Xa somos dous. Elaborei este papeliño cos aspectos positivos e negativos, por se queres botarlle un ollo.

      Moitas grazas. De algo valerá, seguro. Pero, despois de todo, son da mesma opinión daquel presidente tan filosófico que tivemos, cando dicía aquilo de: "It’s very difficult todo isto".

E eu teño que darlle a razón pois “onde falan cartas, calen barbas”

 (Continuará)

(Artigo orixinalmente publicado en castelán no dixital https://mundoobrero.es )

luns, 7 de abril de 2025

Novas vos traio

 


Van alá xa uns poucos anos que deixei de publicar neste blogue de enxeñería eléctrica convencido da pouca audiencia que a miñas prédicas merecían. Tantos que a mención de Tesla xeraba automaticamente a imaxe mental dun enxeñeiro eléctrico e mecánico, físico, matemático e soado inventor serbio, un visionario que se adiantou moitos anos no campo do desenvolvemento científico, que revolucionou a teoría eléctrica e desenvolveu as bases para o triunfo comercial da corrente alterna, e non un coche-pilas de moi dubidosa utilidade. Tantos que facendo unha procura en Google deste bloque non ofrece ningún resultado.

Inasequible ao desalento decido tentalo unha vez máis. Por obstinación que non quede!, dígome a min mesmo. E xa en dobre salto mortal, en galego. Pois por que non? E nun triplo carpado con tirabuzón, decido que se os de META inhabilitándome a miña conta, os publicarei en LINKEDIN?

Probemos!