Comentabamos no artigo anterior a grande importancia que a medra da
seguridade das persoas e dos bens tiña para o trunfo da enerxía eléctrica na
vivenda riba doutras alternativas enerxéticas. Para esta seguridade era
fundamental a instalación de aparellos que vixiaran que os parámetros da
subministración eléctrica se mantiveran dentro duns valores considerados como
normais e cortaran automaticamente a fonte de alimentación no caso de que unha
anomalía perigosa neles fora detectada.
Nunha instalación ben deseñada e ben
explotada a calor xerada pola circulación da corrente eléctrica por un condutor
real, é dicir de resistencia distinta de cero, se disipará eficazmente no medio
circundante, determinando unha temperatura totalmente segura para os
compoñentes desa canalización. Os problemas comezarán, ben cando a corrente
demandada polos consumidores conectados a esta canalización eléctrica, en
adiante CE, sexa maior que a asignada para o seu correcto funcionamento ou ben
cando, por calquera motivo externo ou interno á CE, se produza unha falla no
circuíto eléctrico que dea coma resultado unha maior xeración de calor.
Para evitar os problemas producidos polo exceso de potencia conectada a
unha CE, a conseguinte medra da cantidade de calor producida polas perdas, e a
elevación de temperatura dos materiais da propia CE e do seu entorno, os
primeiros deseñadores das instalacións eléctricas dispuxeron uns elementos de
protección no circuíto deseñados de tal xeito que ao chegares a unha certa
temperatura, proporcional á intensidade da corrente que circulaba ao seu
través, fundían, perdendo a súa continuidade eléctrica e interrompendo o
funcionamento do circuíto.
A función destes elementos, denominados xenericamente fusibles, é asumida na actualidade na grande maioría dos casos pola
parte térmica dos denominados Pequenos
Interruptores Automáticos, en adiante PIA, das instalacións. A parte térmica dos PIA, está deseñada de xeito
que o elemento detector integre, non soamente o valor instantáneo da corrente
senón, coma é lóxico cando o que se trata de vixiar é a cantidade de calor
producida, do tempo no que dita condición mantense. Isto fai que, intentando
abranguer a todas as proteccións que cumpren esta función estean baseadas no
principio no que estean baseadas, as denominemos como Proteccións tempo/dependentes.
Para o segundo caso, os problemas producidos polo brusco descenso na impedancia do circuíto que denominabamos
curtocircuíto e que orixinaban a brusca xeración dunha gran cantidade de calor
no punto do circuíto eléctrico do defecto, os elementos de protección antes
descritos, os fusibles ou “plomos”,
baseados na interrupción do circuíto por medio da fusión e perda da
continuidade eléctrica, eran igualmente adecuados a tal propósito.
Na actualidade esta función é asumida pola parte magnética dos PIA das instalacións, que son sensibles
exclusivamente ao valor instantáneo da corrente, independentemente do tempo no
que dita condición mantense. Por esta razón, e mantendo o criterio de abranguer
baixo o mesmo concepto a tódalas proteccións que cumpren esta función, as
denominamos Proteccións tempo/independentes.
En tempos moitos mais achegados
época actual descubriuse que no sistema de distribución pública en BT
normalizado en España, o TT, a falla de illamento nun dos condutores activos
podería dar lugar a que as masas metálicas accesibles adquiriran unha diferenza
de potencial con respecto da terra que puidera ser perigosa para as persoas, ou
dar lugar á aparición de puntos quentes que, baixo certas condicións, poderían
dar orixe á incendios.
Posto que estas correntes de
derivación que tomaban un camiño inadecuado para retornar á fonte eran, no
sistema de distribución TT, do orde dos amperes ou dos miliamperes, os
elementos de protección antes descritos, baseados na superación dun certo valor
da intensidade da corrente demandada considerado como normal, deixaban de ser
eficaces. Nin a seguridade das persoas, electrocución, nin a dos bens, lumes,
podían ser garantidas.
Alguén debeu recordar entón que cando abrazamos tódolos condutores activos
dun sistema cunha pinza amperimétrica o resultado é sempre igual a cero,
porque, coma nos ensina a Teoría de Circuítos:
nun circuíto san, a suma complexa das
correntes que circulan polos condutores activos dun sistema, dous nas
subministracións monofásicas e tres o catro nas trifásicas, é igual a cero.
Baseado neste principio deseñouse un novo aparato de protección baseado no
feito de que a igualdade deixa de ser tal cando a corrente que retornaba á
fonte polo condutor de protección, tamén chamado de terra. Este aparato non é outro que o ben coñecido diferencial, cuxa denominación mais
correcta é a de Dispositivo Diferencial Residual, e DDR no seu acrónimo.
Coa introdución desas tres tecnoloxías de control das sobreintensidades a
seguridade das instalacións mellorou de tal xeito que durante moitos anos
estivemos convencidos de que poucas cousas mais, cuns custes razoables, podíanse
facer para reducir aínda mais os riscos asociados á presenza da enerxía
eléctrica no fogar.
Mais a electrónica estaba disposta a demostrar que non estabamos no certo. Aínda
que, agora que comprobo o contador de palabras, vexo que iso vai se-lo tema
para o vindeiro artigo.
(Continuará …)
Ningún comentario:
Publicar un comentario