Aló polos inicios do século XX, unha nova marabilla, froito do progreso
industrial comezou a introducirse nas vivendas dos máis afortunados, substituíndo
as vellas e inseguras luces de gas: as novas lámpadas eléctricas do Mago
de Menlo Parck, Tomas Alva Edison.
A máis dun maior fluxo luminoso e a substitución dun proceso altamente
demandante de osíxeno, a combustión dun gas, por un que non o necesita, a
incandescencia, estas novas fontes de luz ofrecían unha substancial mellora na
seguridade nas vivendas, pois as instalacións de gas eran o orixe dun alto
porcentaxe dos incendios nas vivendas que tiñan estas instalacións.
Edison e os seus socios, entre eles o banqueiro Morgan, entenderon que todo
axudaba, pero que o motor a gran aposta da introdución da enerxía eléctrica na
vivenda era precisamente esta medra de seguridade; ninguén estaba disposto a
que un lume acabara cunha parte importante dos bens e aínda os recordos,
acumulados ao longo dos anos. Deste xeito a grande aposta da enerxía eléctrica
fronte as outras alternativas foi, dende os seus inicios, a mellora da
seguridade das instalacións eléctricas de xeito que en ningún caso puideran ser
orixe dun lume, nin vector da súa propagación.
Mirando as cousas cunha certa perspectiva histórica é certo que a
alternativa eléctrica mellorou moito a seguridade das persoas e dos bens, pero
a situación actual, na que a electricidade é, na práctica, a única enerxía
distribuída no fogar, a porcentaxe de lumes que a teñen no seu orixe non pode
levarnos a pensar que non se pode ir máis aló, na mellora do control das fallas
nas instalacións eléctricas.
E, preguntaredes, cal é esta situación? Pois as estatísticas máis actuais
das que dispoñemos indican que a electricidade está na orixe do 20% dos
incendios con vítimas mortais en edificios e do 16% no caso das vivendas. E
moito, pero seguro que menos do que pensabades antes de mirar os números.
É evidente que para mellorar esa porcentaxe debemos estudar o mecanismo, ou
mecanismos, polos que unha instalación eléctrica da orixe a un lume. Métodos
como fumar moito máis, converternos en pirómanos ou calquera outro que faga
medrar os porcentaxes das outras orixes, están enerxicamente desaconsellados.
Agora un pouco máis en serio. Se facemos caso dos periodistas e aínda
dalgúns, demasiados, profesionais implicados na construción, a orixe da maioría
dos lumes nos fogares son os curtocircuítos. Así, sen máis.
Lembremos que un curtocircuíto é
unha diminución brusca e irreversible da impedancia dun circuíto. Ou dito, de
xeito máis coloquial, que a corrente en troques de circular polo camiño
previsto que inclúe o consumidor toma un camiño máis curto. Como o sistema eléctrico é un sistema gobernado pola
demanda, a corrente que circula por ese circuíto
curto e bruscamente moito maior, tan grande como a que poida fornecer a
fonte a ese punto. E iso é moito; en ocasións ata mil veces máis!
Cando se analiza un pouco máis a teoría
do curtocircuíto comeza a mostrar á súa debilidade.
- Vale. A orixe foi un curtocircuíto, pero, cómo se orixinou ese curtocircuíto?
- Vale. A orixe foi un curtocircuíto, pero, cómo se orixinou ese curtocircuíto?
E aínda máis. Se repasamos o Triángulo
do lume, e outorgamos nomes propios a canda seu dos lados, o comburente
sería o osíxeno e a enerxía de iniciación da reacción o curtocircuíto, pero, quen sería o combustible? Os illamentos dos
cabos e os materiais da canalización eléctrica? E cal sería o mecanismo polo
que un fenómeno violento, iso si, pero necesariamente moi breve, da orde dos
milisegundos por mor da actuación das proteccións, consegue mudar unha
cantidade abondo de material de estado sólido a estado gas? A non esquecer que o
combustible ten que estar en estado gasoso para poderse combinar co comburente
e, o que chamamos Triángulo do lume é
na realidade un tetraedro no que a cuarta cara expresa a posibilidade de que a
reacción de oxidación se poida manter no tempo.
A estas alturas da lectura, comezamos a pensar que hai certas posibilidades
de que sexa certo aquilo de que a teoría do curtocircuíto
nono explica todo, máis para chegares ao coñecemento dos mecanismos polos que
unha instalación eléctrica pode orixinar un lume e, sobre todo, das formas de o
empecer, necesitamos un pouco máis de espazo. Polo que, se vos presta, deixámolo
por hoxe e coma se isto fora unha novela de misterio poñemos aquí o
(Continuará …)
Ningún comentario:
Publicar un comentario