Os meus amigos saben da miña devoción por Nikola Tesla, unha das
personalidades máis apaixonantes do eido da electricidade, un home de ciencia,
pero cunha sensibilidade para as artes fóra do común. Tesla tiña ademais unha
capacidade de traballo sobrehumana e
unha integridade intelectual que lle levou a renunciar en múltiples ocasións a
unha estabilidade financeira con tal de ver os seus proxectos feitos realidade.

Nikola Tesla era un home estraño con moitas obsesións, probablemente
debidas a un trastorno obsesivo compulsivo. Entre elas as máis citadas a
hixiene, o celibato, as pombas e o número tres. Por sorte na miña devoción,
antes citada, por Tesla, soamente comparto e en grao de simple afección, o
vencello co número tres. Velaí a xustificación do número de hipóteses, ou
puntos de vista, baixo os cales proceder ao cálculo da sección do condutor
eléctrico do cabo dunha canalización eléctrica.
O proceso previo.

1.
Propósito da
instalación.
2.
Natureza do
receptor.
3.
Natureza da
instalación.
4.
Tensión de
servizo.
5.
Material condutor
máis axeitado ao propósito.
6.
Material do
illamento, máis axeitado ao propósito.
7.
Presenza de
armaduras, pantallas e cubertas.
O propósito, ou sexa o destino que se lle vai dar á instalación determina a
normativa de cálculo, é dicir establece que as accións mecánicas, físicas e
químicas que, a criterio do equipo de normalización, van a ser relevantes na
aplicación e cales non. Por exemplo e xa que a cousa está de desgraciada
actualizade: non serán as mesmas as solicitacións ás que estarán sometidas as
canalizacións eléctricas dun Hotel que as dun Buque Hotel, por moito que o
grado de sofisticación dos dous sexan equivalentes. No primeiro caso teremos
que aplicar os criterios establecidos pola Norma UNE-EN 60364 Instalacións Eléctricas en edificios, e
os da UNE-IEC 60092-352 Instalacións
Eléctricas a bordo de buques no segundo, co que os materiais de condutor
illamento e cuberta dos cabos máis axeitados para o primeiro serán
substancialmente diferentes ao do segundo, e moi probablemente tamén diferentes
as súas seccións. Igualmente sucede en
partes concretas do edificio como a acometida, as instalacións de enlace ou a centralización
de contadores, onde serán de aplicación instrucións técnicas complementarias
(ITC) diferentes segundo os casos.
Tamén a Natureza do receptor, se trátase dun consumidor puramente
resistivo, ou se indutivo ou capacitivo e canto, as peculiaridades do seu
comportamento, se é ou non lineal, ou non lineal, e o seu réxime de
funcionamento se é intermitente ou permanente, ou aínda de marcha a pulsos,
condicionan os modelos de fluxo de calor a empregar na súa modelización. A
Natureza da instalación fai referencia á permanencia ou non da situación
espacial do receptor verbo do punto de fornecemento de enerxía; dito doutro
xeito se a canalización eléctrica vai a estar sometida á movemento, o que vai a
determinar a necesidade ou non de emprego de cabos especiais para instalación
móbeis. Outro aspecto deste punto é o que ten que ver coa xeometría da traza,
os espazos a percorrer pola canalización en función de diversos criterios entre
os que, claro está!, figuran as consideracións económicas.
Pola súa banda a tensión de servizo nos fala das solicitacións ás que van a
estar sometidos os elementos do cabo que teñen como misión amortecer a forza do
campo eléctrico ao que van a estar sometidos no exercicio da súa función, tanto
baixo o punto de vista da tensión de exercicio ou sexa permanente como o das
sobretensións internas, procedentes do propio sistema, e externas de descargas
atmosféricas, etc.
Por sorte soamente temos dous materiais condutores entre os cales escoller
o máis axeitado ao propósito concreto. Para seleccionar o máis axeitado en cada
caso compre analizar polo miúdo as vantaxes e inconvenientes de cada un deles.
Nalgúns casos as vantaxes dun deles son tan evidentes que na práctica non hai
produto no mercado máis que de un deles; noutros, como no caso dos cabos de
servizos móbeis o estado actual da técnica non admite outra opción, pero en
todo caso resulta altamente recomendable non perder de vista este aspecto da
determinación de características.
As condicións de servizo concretas, e as súas peculiaridades, deben ser
tomadas en conta na escolla do tipo de illamento que imos prescribir:
termoplástico, termoestable, elastomérico, mineral ou doutro tipo. Cada un
deste tipos teñen, como é lóxico, ás súas vantaxes e inconvenientes; unha
escolla axeitada será aquela que para situación concreta da canalización
eléctrica maximice as vantaxes do tipo concreto escollido e minimice os seus inconvenientes.
Para este proceso será indispensable un fondo coñecemento dos tipos de
illamentos existentes, as súas características eléctricas, físicas, químicas e
mecánicas e, claro está!, a súa repercusión no prezo de compra do cabo
eléctrico. A non esquecer a incidencia destes materiais na propagación do
incendio.
Queda para o final a determinación da necesidade de que o cabo seleccionado
para a realización da canalización eléctrica estea dotado de proteccións
suplementarias como as armaduras, pantallas e cubertas. A acción do medio sobre
o cabo pode ser aturada nos máis dos casos polo propio illamento ou a cuberta
do cabo, pero noutros resulta necesaria a dotación de elementos suplementarios
de protección, tanto no que se refire aos aspectos eléctricos como aos
químicos, físicos e mecánicos. A protección contra as agresións de tipo
eléctrico están encomendadas ás pantallas, as de tipo mecánico ás armaduras, e
as de tipo físico, químico e mecánico, ás cubertas.
(continuará …)
Bibliografía recomendada: Cabos illados para o transporte e
distribución de enerxía eléctrica (2ª Edición)/Servizo de Publicacións
da Universidade de Vigo. 2007 . Rústica con lapelas. 528 p; 24 cm. En idioma
galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario